Xosé Lodeiro

Ramiro Fonte


A cidade, ese novo edén do artista moderno, promete poucos paraísos artificiais. Se cadra as horas longas no café, a tertulia invernal, o excesivo parladoiro. Despois, o calexeo, cara ós rumbos da noite. En Vigo esvaeceu e murchou aquel retrato de grupo que reproducía unha bohemia inxenua, rebelde, romántica e chea de autenticidade. Non sei por que, pero sempre vin a Xosé Lodeiro como un sobrevivinte daqueles tempos nos que unha cohorte de artistas, os primeiros verdadeiramente baudelerianos de Galicia, estaban protexidos pola celestial e máxica intemperie de Urbano Lugrís, que aquí veu buscar o derradeiro porto para embarrancar, coma unha das súas naves soñadoras e levitantes, na derradeira praia.


Xosé Lodeiro ten algo de obreiro da pintura. É como se un suprematista soviético -agora que as vangardas poden levar tamén o atributo de vellas- decidise encarnarse nun carpinteiro de ribeira de Barreras, que vai arrastrar á súa obra as paisaxes da ría, a temporalidade que a luz provoca no mar ata construir un espacio idealizado. O seu constructivismo ten tanto que ver coas razóns da arte como coas grúas, as gradas e esoutros monumentos industriais que se adonan da paisaxe urbana. Él pon orde e luz neses caos, o que xa abonda.

Por iso Pepe Lodeiro é o antidivo. É tamén testemuña desa cidade industrial e madrugadora, e dásenos dun xeito humano, accesible, aberto. Alza a voz na taberna, litiga coa palabra per nunca nos sentimos diante dun deses artistas que decidiron cultivar al flor carnívora do mal para resistiren perante os embates dos tempos e o anonimato da urbe.

Hoxe, Lodeiro, que abandonou tódolos retratos de grupo, é un home de horas diurnas, un sereno paseante. Isto é así, se cadra, porque a súa pintura necesita espacios luminosos e, cando pasea, levando o ritmo mudante das horas semanais, diríase que o fai buscando raiolas, mediodía, raxeiras, solpores. Se hai pintores que necesitan a brétema e outros hay que necesitan a luz, Lodeiro é, sen dubida, daqueles que necesitan o don da luz.

Nunca estiven alí, pero sei que Xosé Lodeiro ten o estudio nas alturas dun deses edificios de pedra que lembran o esplendor da cidade. Imaxinoo alí: abrindo novas fiestras ós átomos do aire. No é un pintor de subidas nin de baixadas. A única escaleira que parece aceptar é a escaleira ó ceo.
Ramiro Fonte